PRESENTACIÓN

O escaso interese das administracións públicas por protexer e divulgar o patrimonio monumental da comarca galega dos Ancares é, por dicilo dunha maneira suave, nulo. Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares levamos anos denunciando esta situación de desleixo, do desprezo (premeditado?) pola nosa cultura dos responsables dunhas institucións que deberan ser os primeiros en dar os pasos necesarios para que os nosos monumentos non caigan no esquecemento. E non só iso, para que non desaparezan. Resulta deprimente que cando denunciamos as agresións que sofren miren cara outro lado, ou que cando lle propoñemos algunha actuación para valorizalos só nos topemos con evasivas e escusas. En poucas letras: que lles importa tres pementos.

A Igrexa, propietaria de centos de monumentos, tampouco é allea a este desleixo, semella que a súa única preocupación é a de engordar o seu patrimonio, e daí non pasan. Que a meirande parte das igrexas, capelas e casas reitorais estean a arruinarse parece que non vai con eles. Nin os edificios nin o que agochan no seu interior.

Tampouco nos esquecemos dos particulares, dos propietarios de castelos, torres e casas-fortes que, simplemente, "esquecen" as obrigas que lles marca a lei, sabedores de que non lles vai a traer consecuencias. 

Ou daqueloutros (cada vez menos) que consideran unha "maldición" que nas súas terras localicemos unha mámoa, un petroglifo ou un castro, chegando incluso, como aconteceu na necrópole megalítica do Chao do Marco (Becerreá), a arrincar a sinalización que colocaramos nas inmediacións  pero en terreo público.

 

Hai uns meses puxémonos en contacto coa Deputación Provincial de Lugo para tentar valorizar varios monumentos. Confesamos que, nun principio, pouco esperabamos das reunións, mais cómpre deixar claro que saímos prudentemente satisfeitos pola boa disposición das responsables de Cultura e de Medio Ambiente. Na próxima primavera xa imos comezar co adecentamento da contorna e a sinalización de varios bens que se atopan dentro dos concellos da Reserva da Biosfera (Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna) e que tamén se vai a estender aos restantes (Baralla, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro). Tamén nos encargaron ao noso colectivo a confección dunha guía.

Á Deputación e aos Concellos de Baralla, Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna enviámoslle unha proposta do itinerario que seguía a vía romana XIX para que se acondicionen algúns tramos e se sinalice. Xa estamos a rematar unha proposta á Xunta de Galicia para que esta importantísima calzada sexa declarada Ben de Interese Cultural.

A pesares da abundante información sobre o patrimonio material e inmaterial que dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares imos achegando nos nosos blogues, moitísimas persoas botan en falla a confección dunhas rutas para facilitar o acceso aos xacementos, nomeadamente os de máis difícil localización. Estámonos a referir ás mámoas, petroglifos, castros, minas romanas, etc. esparexidos polos seis concellos da comarca. Por iso decidimos facer este novo blogue onde aos poucos iremos inserindo uns roteiros que fagan máis doado localizar e poder achegarse aos sitios arqueolóxicos do noso máis antigo pasado, propiedade de todos, suplindo con elo a ineficacia das administracións públicas.

Nos mapas achegamos as coordenadas xeográficas dos xacementos, mais para aquelas persoas que non dispoñan dun aparello que llas facilite resaltamos en cor amarela tanto a súa situación como os itinerarios que utilizamos nós para acceder ata eles.

Dentro de cada concello, inserimos os sitios arqueolóxicos pola súa antigüidade: mámoas, petroglifos, castros, xácigos romanos, pontes, castelos e mosteiros, e dentro destes pola orde alfabética das parroquias. 

Ao final dos mapas de cada concello achegamos as ligazóns a outras páxinas do noso colectivo onde se pode ver a descrición dos xacementos, lendas e outros datos de interese.

Quen desexe contactar con nós pode facelo a través da conta de correo:


Colectivo Patrimonio dos Ancares